Captura de pantalla dun dos vídeos de consellos de hixiene oral para persoas con dano cerebral adquirido

Tres titoriais para saber como debe ser a hixiene oral da persoa con dano cerebral

Continúa a colaboración de FEGADACE coa Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais.

A Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais, da Universidade de Santiago de Compostela, recibía en 2017 o Premio FEGADACE-Miguel Blanco. A Federación recoñecía a importancia do coidado da saúde oral das persoas con dano cerebral como unha parte fundamental da súa autonomía e benestar integral, ao tempo que reflexionaba sobre o vínculo entre o coidado bucodental e a prevención do ictus.

O premio foi o punto de partida dunha serie de colaboracións que en 2020 debían incluír un ciclo de obradoiros para persoas con dano cerebral e familiares ou coidadores e coidadoras. Finalmente, a situación derivada da pandemia do coronavirus impediu que os profesionais da Unidade puideran visitar ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela.

Titoriais en vídeo

Sen embargo, a colaboración mantívose e a Unidade e FEGADACE elaboraron unha serie de titoriais en vídeo que achegan indicacións sobre como debe ser o coidado diario da hixiene oral dunha persoa con dano cerebral. Estes titoriais divídense en tres posibilidades:

A persoa independente

A persoa con dependencia moderada

A persoa con dependencia severa

Os tres vídeos amosan situacións reais nas que unha hixienista da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais pon en práctica, ao tempo que explica, como debe ser un aseo bucodental diario completo. Está acompañada por tres persoas usuarias das asociacións de FEGADACE, que colaboran como pacientes da hixienista.

Unha páxina web con todos os recursos

No marco das colaboracións entre a Unidade e FEGADACE atópase tamén a elaboración da web odontoloxia-accesible.org. Ademais dunha completa presentación e actualización da actividade científica e académica da Unidade de Odontoloxía para Persoas con Necesidades Especiais, a web serve de repositorio de recursos de apoio para o coidado da saúde oral das persoas con dano cerebral adquirido e con outras discapacidades.

Apartado de Dano cerebral adquirido

No apartado de dano cerebral adquirido pódense atopar, ademais dos devanditos titoriais, os outros materiais informativos elaborados grazas á colaboración da Federación e da Unidade:

  • Tríptico saúde oral e dano cerebral, con información para profesionais
  • Tríptico saúde oral e dano cerebral, con información para persoas con dano cerebral e as súas familias
  • Vídeos sobre saúde oral e dano cerebral, que explican a relación entre ambas cuestións desde o punto de vista do coidado e do tratamento odontolóxico, das alteracións orais das persoas con dano cerebral, e da periodontite como factor de risco.